Saltar ao contido

Microchirus variegatus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Microchirus variegatus
Acedía raiada, lirpia raiada

Larva de Microchirus variegatus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Soleidae
Xénero: Microchirus
Especie: M. variegatus
Nome binomial
Microchirus variegatus
(Donovan, 1808)

Microchirus variegatus, (Donovan, 1808) é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos soleidos,[1] coñecida en galego como acedía raiada,[2] ou lirpia raiada.[3]

Como todos os peixes da familia dos pleuronéctidos, ten o corpo aplanado, asimétrico, e os dous ollos situados no mesmo lado, na chamada cara pigmentada (ou ocular).

Trátase dun pequeno linguado de até 35 cm de lonxitude máxima (de aí o nome vulgar de acedía), que habita en fondos mariños areosos ou lamacentos de 20 a 400 m de profundidade, no Atlántico nororiental, desde as illas Británicas até o norte de Mauritania, e no mar Mediterráneo.[4]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por primeira vez en 1808 polo zoólogo irlandés Edward Donovan, baixo o nome de Pleuronectes variegatus.[1]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ao longo do tempo foi coñecida, ademais de polo nome orixinario de Donovan e polo actualmente válido, polos sinónimos seguintes:[1]

  • Microchirus (Microchirus) variegatus (Donovan, 1808)
  • Monochirus lingula Costa, 1848
  • Pleuronectes fasciatus Nardo, 1824
  • Pleuronectes mangili Risso, 1810
  • Pleuronectes microchirus Delaroche, 1809
  • Solea variegata (Donovan, 1808)

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome específico, variegatus, é a forma masculina do adxectivo do latín científico variegatus, -a,-um, tirado de variegātus, participio pasado de variegāre, "pintar de varias cores".[5]
Literalmente, "de diversas cores", "multicolor".

Características

[editar | editar a fonte]

É moi semellante, na forma do corpo, ao linguado común do que se diferencia, ademais de polo seu menor tamaño, polas seguintes características:[6]

  • O corpo é relativamente longo, ovalado e deprimido.
  • A liña lateral móstrase na cara ocular ou pigmentada, e é recta.
  • A cabeza é pequena.
  • O ollos encóntranse no lado dereito; o superior está situado en posición máis adiantada ca o inferior.
  • O fociño é arredondado, e a boca, que se encontra nunha posición algo ínfera, é pequena e oblicua.
  • Os dentes son pequenos.
  • O preopérculo non é visíbel (está cuberto poa pel).
  • Tanto a aleta dorsal como a anal son bastante longas.
  • A aleta pectoral do lado pigmentado é un pouco máis grosa que a do lado cego
  • A coloración do lado pigmentado é amarela agrisada, con cinco bandas transversais escuras, que aparecen tamén nas aletas.[3] A do lado cego é branca.

O seu tamaño máximo é de 35 cm,[7] aínda que os espécimes capturados roldan os 14 cm.[8]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

É unha especie mariña, demersal, oceanódroma que habita en mares subtropicais, en fondos areosos e lamacentos, no Atlántico nororiental, entre os 60° N e os 15° N, e entre os 18° W e os 36° E, en augas das costas das illas Británicas, polo norte, até Mauritania (na baía de Nuadibú, ou du Lévrier, ao leste do cabo Branco), polo sur, e no mar Mediterráneo.[4]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Nutrición

[editar | editar a fonte]

Microchirus variegatus aliméntas duna ampla gama de pequenos organismos bentónicos, principalmente crustáceos (anfípodos e camaróns), vermes poliquetos e moluscos bivalvos.[9][10]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

A desova prodúcese no Canal da Mancha no mes de abril, e no Mediterráneo máis cedo, en febreiro.[9]

Pesca e usos

[editar | editar a fonte]

Microchirus variegatus é obxecto de pesca comercial, aínda que de non moita importacia,[3] capturándose con artes de arrastre,[6] nas zonas de pesca 27, 34 e 37 (nordeste do Atlántico, Atlántico centro-leste e Mediterráneo e mar Negro, respectivamente).[2]

Consómese fritido. A súa carne é de bo sabor.[3]

  1. 1,0 1,1 1,2 Microchirus variegatus (Donovan, 1808) no WoRMS.
  2. 2,0 2,1 Lahuerta e Vázquez (2000), p. 85.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Rodríguez Solórzano et al. (1983), p. 191.
  4. 4,0 4,1 Microchirus variegatus (Risso, 1810) na FishBase.
  5. variegado, -da no DRAE.
  6. 6,0 6,1 Mas Ferrà et al. (2000), pp. 269-270.
  7. Muus, B. J. & J. G. Nielsen (1999). Sea fish. Scandinavian Fishing Year Book, Hedehusene, Denmark.
  8. Bauchot, M.-L. (1987): "Poissons osseux", pp. 891-1421, en W. Fischer, M. L. Bauchot & M. Schneider, eds. Fiches FAO d'identification pour les besoins de la pêche. (rev. 1). Méditerranée et mer Noire. Zone de pêche 37, Vol. II. Commission des Communautés Européennes and FAO, Rome.
  9. 9,0 9,1 Muust, Bent J. et al. (1998):, p. 274.
  10. Quéro, J.-C., M. Desoutter & F. Lagardère (1986): "Soleidae", pp. 1308-1324, en P. J. P. Whitehead, M.-L. Bauchot, J.-C. Hureau, J. Nielsen & E. Tortonese, eds. Fishes of the North-eastern Atlantic and the Mediterranean. UNESCO, Paris. Vol. 3.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Desoutter, M. (1990): "Soleidae", pp. 1037-1049, en: J. C. Quéro, J. C. Hureau, C. Karrer, A. Post & L. Saldanha, eds. Check-list of the fishes of the eastern tropical Atlantic (CLOFETA). Lisboa: JNICT; París: SEI e UNESCO. Vol. 2.</ref>
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8.
  • Mas Ferrà, Xavier e Canyelles Ferrà, Xavier (2000): Peixos de les Illes Balears. Palma de Mallorca: Editorial Moll. ISBN 84-273-6013-4.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al., eds.: European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. Collection Patrimoines Naturels, 50: 357-374. París: Muséum national d'Histoire naturelle. ISBN 2-85653-538-0.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]